20.12.10

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, a Asociación Comercial Zona Obelisco e Nova CaixaGalicia presentan a pista de xelo ecolóxica instalada nos Xardíns de Méndez Núñez ata o 9 de xaneiro


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, en compañía de Antonio Amor, Presidente da Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco, inaugurou hoxe ás 12:00 a pista de xelo ecolóxica instalada nos Xardíns de Méndez Núñez pola Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco, desde o 20 de decembro ata o 9 de xaneiro, de cara a faqvorecer a conciliación de nais e pais que se acheguen nestas datas a realizar as súas compras ao comercio local do centro da cidade.


As quendas de patinaxe son de media hora, cunha capacidade total de 30 persoas en cada quenda. As nenas e nenos menores de 5 anos só terán acceso á pista se van acompañados/as por unha persoa adulta.

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá facilita a utilización da pista de patinaxe a entidades asociativas da cidade de maneira gratuita, en determinadas franxas horarias de mañá e de noite, acordadas coa Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco.


O día da inauguración da pista, luns 20 de decembro, a pista de patinaxe será utilizada, en horario da mañá pola Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES). Os usuarios e usuarias desta entidade teñen a oportunidade de participar nunha nova e atractiva actividade de lecer, co acompañamento das súas monitoras.

Acompañarán ás usuarias e usuarios da asociación Mª Jesús Bello (responsable de FEAFES na Coruña) e dúas monitoras. María Jesús Bello interveu na rolda para agradecer á concelleira de Igualdade e Participación Cidadá o seu apoio para que este tipo de entidades gozen da pista como calquera neno e nena da Coruña.


Nas próximas datas, as entidades que disfrutarán desta actividade de patinaxe na quenda de mañá serán as seguintes:

 Martes 21 de decembro: FUNDACIÓN ADCOR (traballa con persoas adultas con discapacidade intelectual) e ASBIGA (Asociación Bipolar de Galicia).

 Mércores 22 de decembro: COGAMI (Confederación Galega de Minusválidos)

 Xoves 23 de decembro: ARTEFÍOS (Asociación para la formación de jóvenes límite)


Ademáis, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá quere aproveitar a pista de patinaxe para ofrecer ao grupo de adolescentes da Coruña unha alternativa de lecer sá e divertida, alonxada do consumo de alcohol. Así, ademáis de ofrecer a posibilidade de acceso á pista todos os días durante a noite, ampliando o horario ata ás 12 da noite, haberá 3 días especialmente dedicados á adolescencia.

Os días 23 e 30 de decembro e máis o 8 de xaneiro, desde ás 10 da noite ata a 1 da madrugada, a pista de patinaxe será ademáis discoteca. Un Dj pinchará música na pista de xeo para darlle un ambiente discotequeiro e instalarase o “Bareto Saudable” onde se ofrecerán varias opcións de bebidas sen alcohol para o fomento do consumo responsable.


Esta atractiva oferta de lecer se complementará cun reporteiro que se moverá coa súa cámara entre os e as participantes grabando imaxes, caídas, peripecias e entrevistas. E todas estas gravacións serán retransmitidas en directo nunha pantalla de proxección.

Moitos e moitas adolescentes de institutos coruñeses, e outros pertencentes a entidades asociativas, xa teñen a súa invitación para participar nesta divertida actividade. Tamén teñen o seu espazo reservado todas as familias usuarias do servizo de canguros municipais e os fillos e fillas das mulleres que participan en diferentes programas da Concellaría como o ADA e o Urbana-C.


Por último, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá repartiu invitacións entre todas as asociacións veciñais da Coruña e outras entidades xuvenís e deportivas. No Centro de Participación Cidadá do Birloque aínda hai invitacións a disposición das entidades que desexen ofrecerlas ás súas persoas asociadas e o monitorado da pista de patinaxe tamén terá invitacións, que se repartirán ata que se agoten.


"A Coruña Nowadays" resalta varias das nosas actuacións como parte da arte máis actual da Coruña de hoxe

Envíannos desde Deica Management, empresa local responsable, entre outras cousas, do MUAU ou a exposición "Cambio de roles-Visibilidade", esta reportaxe dunha canle de televisión online catalana adicada á nosa cidade máis actual e vangardista. Estupendo traballo do equipo de Tendencias.tv.



Ver "A Coruña Nowadays (A Coruña hoxe en día)".

10.12.10

Mañá sábado nova edición de Mercanatura nos Rosales



Entre as 10:30 e as 14:30 terá lugar unha nova edición de Mercanatura, Feira de produtos ecolóxicos, naturais e artesanais organizada pola Asociación de Veciños dos Rosales e que conta coa colaboración da nosa Concellaría. Nesta ocasión, ademais, presentarase a nova web do evento, presentación que se desenvolverá ás 10:30 no Centro Cívico dos Rosales e que contará coa presenza de Margarida Vázquez, Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña.