31.3.10

Importantes novidades nos nosos blogs Igualdade Coruña e Participación Coruña


As persoas que habitualmente empregades os nosos blogs para informarvos das nosas actividades e de todo tipo de cuestións de interese en canto ás políticas de igualdade e participación notaríades o enorme cambio que se produciu na estética e na ubicación dos contidos dos nosos espazos virtuais adicados á igualdade e á participación: Igualdade Coruña e Participación Coruña.

Dúas son as principais motivacións para estes cambios tan profundos. En primeiro lugar, a cada vez maior cantidade de contidos que fomos desenvolvendo e o seu interese máis aló dunha actualidade concreta obrigábannos a posibilitar o posicionamento máis estático de determinada información que non perdía nunca actualidade, como é o Banco de Tempo, o Servizo de Canguros ou o Foro de Participación.

En segundo lugar, a inminencia na aparición da web corporativa da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá precisaba uniformizar a estética e a elección da información segundo o seu posicionamento, adecuándoas ao que será a estética base desta web. Agardamos a vosa opinión ao respecto.

Por último, destacamos a enquisa que temos aberta á esquerda da vosa pantalla. Aparte dos organismos que un Concello como o da Coruña debe poñer a disposición das e dos cidadáns para que estes poidan participar dos asuntos que lle son de interese, como, por exemplo, a creación de Foros, Mesas de concertación, vehículos de expresión para as suxestións e/ou queixas, ou todos aqueles espazos de debate e participación, nomeadamente nos grandes temas da nosa cidade, o que define realmente unha cidade en canto á calidade na participación cidadá está na CULTURA DE PARTICIPACIÓN que emane tanto da institución municipal como do conxunto da sociedade. A pregunta, pois, da nosa enquisa é se credes qie existe hoxe unha cultura de participación na Coruña. Agradecemos desde xa a vosa participación nesta enquisa.


No hay comentarios:

Publicar un comentario