31.3.10

Importantes novidades nos nosos blogs Igualdade Coruña e Participación Coruña


As persoas que habitualmente empregades os nosos blogs para informarvos das nosas actividades e de todo tipo de cuestións de interese en canto ás políticas de igualdade e participación notaríades o enorme cambio que se produciu na estética e na ubicación dos contidos dos nosos espazos virtuais adicados á igualdade e á participación: Igualdade Coruña e Participación Coruña.

Dúas son as principais motivacións para estes cambios tan profundos. En primeiro lugar, a cada vez maior cantidade de contidos que fomos desenvolvendo e o seu interese máis aló dunha actualidade concreta obrigábannos a posibilitar o posicionamento máis estático de determinada información que non perdía nunca actualidade, como é o Banco de Tempo, o Servizo de Canguros ou o Foro de Participación.

En segundo lugar, a inminencia na aparición da web corporativa da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá precisaba uniformizar a estética e a elección da información segundo o seu posicionamento, adecuándoas ao que será a estética base desta web. Agardamos a vosa opinión ao respecto.

Por último, destacamos a enquisa que temos aberta á esquerda da vosa pantalla. Aparte dos organismos que un Concello como o da Coruña debe poñer a disposición das e dos cidadáns para que estes poidan participar dos asuntos que lle son de interese, como, por exemplo, a creación de Foros, Mesas de concertación, vehículos de expresión para as suxestións e/ou queixas, ou todos aqueles espazos de debate e participación, nomeadamente nos grandes temas da nosa cidade, o que define realmente unha cidade en canto á calidade na participación cidadá está na CULTURA DE PARTICIPACIÓN que emane tanto da institución municipal como do conxunto da sociedade. A pregunta, pois, da nosa enquisa é se credes qie existe hoxe unha cultura de participación na Coruña. Agradecemos desde xa a vosa participación nesta enquisa.


29.3.10

A punto de pecharse o prazo para inscribirse no primeiro obradoiro do MUAU




A organización do MUAU decidiu, atendendo á singularidade destes días de Semana Santa, prorrogar a data de inscrición no primeiro obradoiro ata o 6 de abril, pero tamén debemos lembrar que as prazas son bastante limitadas.

Estes obradoiros impartiranse no Forum Metropolitano, sendo o primeiro o que se celebrará os días 9, de 16:00 a 20:00 horas, e 10, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas titulado "Iniciación ao stencil", impartido por Fragil, Barcelona.

En todo caso, para inscribirse ou informarse, ide AQUÍ.


23.3.10

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS OBRADOIROS DAS XORNADAS DO MUAU 2010


Entrar AQUÍ para inscribirse nos obradoiros ou para informarvos de todo o que conforman estas xornadas.


A partir de abril e durante tres meses, rúas e barrios, salas de exposicións, salas de cine, foros de debate e talleres da Coruña acollerán aos máis importantes artistas da arte urbana, os que están a redefinila a nivel internacional, mostrando outro xeito de crear, sempre coa rúa como elemento vertebrador e imprescindible do seu discurso.
Para investigar a fondo e facer arte teremos a oportunidade de asistir ás Xornadas de Arte Urbana, onde se xuntarán pintores profesionais e afeccionados, fotógrafos, investigadores, emprendedores… en charlas-coloquio e obradoiros. Frágil, El Niño de las Pinturas, Leo e Sekone do Estudio Alavista, e Javier Abarca son os artistas e expertos encargados dos obradoiros. É unha oportunidade única de aprender, compartir e experimentar con algúns dos mellores artistas da arte urbana. Se che interesa podes apuntarte ata o 31 de marzo.

Tes máis información AQUÍ.

18.3.10

Mulleres portadoras de cultura en Mercanatura

Este próximo sábado 20 de marzo, entre as 10:00 e as 15:00 horas, celebrarase unha nova edición de Mercanatura, a feira do barrio dos Rosales para os produtos ecolóxicos, artesanais e naturais.

A novidade desta nova cita é que, entre as 11:00 e as 12:30 horas vai celebrarse no Centro Cívico do barrio o obradoiro "Mulleres portadoras de cultura", organizado pola nosa Concellaría e que imparte Etnoga, patrimonio cultural.



Este obradoiro parte do aproveitamento da exposición Mulleres, portadoras de cultura, que se pode visitar no Kiosco Alfonso ata o 4 de abril. Nel poderemos coñecer a visión da cultura que nos achegan as mulleres procedentes de Oceanía, África, América e Asia.

Se tedes interese en acudir, falade co Centro Cívico ou preguntade o mesmo sábado antes das 11:00 horas.


Gala-Homenaxe a María Luz Morales Godoy

O próximo 26 de marzo, ás 20:30, no Teatro Rosalía de Castro, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá presentará en auténtica primicia o documental de Óscar Losada "María Luz Morales: a gran señora da prensa". Esta muller coruñesa, que pronto disporá dunha rúa na Coruña que leve o seu nome, foi a primeira muller en todo o Estado español en dirixir un periódico. No seu caso trátase do diario barcelonés La Vanguardia. A súa historia, vencellada á guerra civil española, pode ser consultada AQUÍ.

Durante esta gala, presentada polo propio Óscar Losada, poderemos ademais gozar das pezas musicais que nos interpretará o grupo vigués LULAVAI. Seguro que vos sorprenden moi gratamente.

A entrada é completamente libre, ata completar aforo. Sede puntuais!!!!


Foto de Lulavai extraída de su página de Myspace. Para saber máis, AQUÍ.

Esta Gala poñerá fin ás actividades que a nosa Concellaría deseñou para conmemorar o 8 de marzo, día internacional das mulleres.

17.3.10

A participación cidadá nas sete grandes cidades


En días pasados, un artigo de La Voz de Galicia realizaba un balanzo do que opina o asociacionismo da participación cidadá na súa cidade. Por suposto que é esta unha soa parte do conxunto que entendemos como participación cidadá, pero consideramos que pode ser do voso interese coñecer o que se pensa ao respecto nas sete grandes cidades galegas. Quédanvos a continuación estes dous enlaces:


Un ano xa.......

Aquí vai un vídeo realizado polo noso equipo técnico para conmemorar un ano de actividades difundidas polos nosos blogs, especialmente o de Igualdade Coruña. Esperemos que vos guste!!!!




11.3.10

Ultimando os preparativos para a apertura do Centro Social do Birloque, dependente da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá da Coruña


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá ten previsto abrir nos próximos días un Centro Social no Birloque, onde se desenvolverán diversas actividades tanto de participación cidadá e veciñal como as propias da área de igualdade.

Debemos lembrar que este Centro, coñecido como CIAM (Centro de Información e Asesoramento ás Mulleres) dependeu durante moitos anos do Servizo Galego de Igualdade, recentemente finiquitado polos actuais xestores da Xunta de Galicia, e nel prestouse un servizo tan necesario como foi o asesoramento legal e psicolóxico a mulleres vítimas de violencia de xénero.


Acceso ao Centro desde a Avenida Glasgow (número 10), xusto ao lado da marquesina do bus urbano.


Durante o ano 2009, a nosa Concellaría conseguiu acreditar por vez primeira o novo CIM (Centro de Información ás Mulleres) da Coruña, pertencente ao noso departamento, no edificio ubicado na rúa Hortensias s/n do Barrio das Flores. Era esta unha demanda histórica dos sectores sociais máis vencellados e preocupados pola situación de desamparo na que moitas veces se atopan as mulleres vítimas de violencia e os seus fillos ou fillas.

Os cambios na cartelería exterior e a continuada entrada de persoas traendo e levando mobiliario e equipamentos espertou xa a curiosidade das veciñas e veciños do barrio. Estamos seguros de que as actividades que alí se desenvolvan servirán como un grande activo social en toda esa área urbana da Coruña.


Entrada lateral ubicada na contrafachada oeste do Centro.


Así, entre este novo Centro, sumado ao CIM do Barrio das Flores, ao Centro Cívico e Social de Mesoiro, onde contaremos cunha importante liña de xestión, e á futura Casa das Mulleres, que se ubicará no Parque do Observatorio, quedará perfectamente conformada unha rede de centros ao servizo das políticas de Igualdade e Participación Cidadá.

Sobre as actividades que desenvolveremos no Birloque, así como en Novomesoiro, e sobre a futura Casa das Mulleres, falaremos en próximos días.


Un dos despachos dos que dispón o Centro.



Lugar onde se ubicará o servizo de Consexería.



Panorámica do Salós de Actos e Actividades.



Outra vista deste espazo, aínda pendente dalgunhas melloras.


10.3.10

Continúan os obradoiros da Concellaría de Igualdade nos centros cívicos arredor do Día Internacional das Mulleres




 DESTACA A ACTIVIDADE ‘MULLERES, PORTADORAS DE CULTURA’ CO QUE SE AMOSA A REALIDADE CULTURAL TRASMITIDA POLAS MULLERES

A Coruña, 10 de marzo de 2010.- Ao longo desta semana a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá que dirixe a nacionalista Margarida Vázquez continuará celebrándo en diferentes Centros Cívicos Municipais as actividades relacionadas coa conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, destacando entre elas o obradoiro “Mulleres, portadoras de cultura’, xa desenvolto cunha salientable participación nos Centros de Monte Alto e Monelos e que se desenvolverá nos Centros de Rosales (11 de marzo), Castrillón (11 de marzo), Mallos (10 de marzo) e San Diego 11 de marzo).

Este obradoiro pretende amosar a realidade cultural transmitida polas mulleres, contando para iso cun aliado excepcional: a exposición “Mulleres, espello de culturas” que se pode visitar no Kiosco Alfonso ata o 4 de abril. Trátase dunha viaxe etnográfica e emotiva a través duna fragmentos de vida que nos permiten abordar temas universais e compartidos por todas as mulleres do mundo. Os tres grandes eixos desta exposición son familia, sociedade e divinidade. O propio obradoiro inclúe unha visita guiada a esta interesante exposición ofrecida pola Fundación “La Caixa” en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
Durante a vindeira semana continuará desenvolvéndose o obradoiro “Mulleres, portadoras de cultura” nos Centros de Labañou (16 e 18 de marzo), Mallos (24 de marzo), Artesanos (18 e 25 de marzo) e Pescadores (17 e 18 de marzo).

Todas as persoas interesadas en participar neste obradoiro deberán dirixirse ao seu Centro Cívico de referencia onde serán informadas do horario e data dispoñibles.


As presas de Teixeiro tamén celebraron o Día internacional das mulleres


Segundo a imformación recollida hoxe polo diario Opinión de A Coruña, onte, 9 de marzo, celebrouse o Día internacional da mulleres no cárcere de Teixeiro nun acto organizado pola asociación Nosotras Intramuros, grupo de mulleres presas que participara na segunda edición do Festival arte+parte celebrado a finais de outubro de 2009, como podedes ver AQUÍ, AQUÍ e AQUÍ.

As nosas amigas seguen dando qué falar, polo que vemos. Noraboa!!!!!!




7.3.10

Recepción oficial do Concello da Coruña en conmemoración do centenario da declaración do Día internacional das mulleres


Aquí quédavos a "foto de familia" da recepción que se celebrou onte, na sede da Fundación Luís Seoane da Coruña, ofrecida a cen mulleres coruñesas procedentes dos diferentes Centros Cívicos Municipais, así como representantes de entidades sociais diversas e mesmo dúas das nosas canguras municipais que traballan no Espazo de atención á infancia do Centro Cívico de Monte Alto.

En primeiro término, o Alcalde da Coruña, o señor Javier Losada, a Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, xunto a outros membros do goberno municipal, directoras de Centros Cívicos, usuarias e convidadas en xeral.

Unha máis que significativa representación de mulleres anónimas que fan que cada día se avance cara a unha igualdade real entre homes e mulleres.


2.3.10

Presentada a programación de actos do Concello da Coruña para conmemorar o 8 de marzo



A Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez Veras, presentou a programación de actos do Concello da Coruña para a conmemoración do 8 de marzo, día internacional das mulleres.

A partir do lema VISIBILIDADE, onde se reivindican os traballos e as profesións menos valoradas, eque ocupan tradicionalmente as mulleres, preséntase un completo programa que incúe desde exposicións artísticas como a de MulleresxMulleres, que se pode visitar na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, cunha montaxe espectacular, ou de interese antropolóxico como Mulleres, espello de culturas, visitable no Kiosco Alfonso.

Os dous actos centrais arredor da celebración do día internacional das mulleres consistirán nunha recepción oficial a cen mulleres da Coruña de todas as idades, desde un a cen anos, para conmemorar o centenario desta declaración, e que se celebrará na Fundación Luís Seoane o sábado 6 de marzo ás 12:00 horas. Por outra banda, o propio 8 de marzo, na Sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita, ás 19:30 horas, inaugurarase a exposición VISIBILIDADE, acto central das actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá. A partir da serie de fotos "Resetea: cambia o teu rol", que se puideran visionar durante a celebración da segunda edición do festival arte+parte, cunha presentación espectacular, e acompañadas duns textos relacionados co eixo central desta conmemoración, como é meditar sobre a corresponsabilidade e a invisibilidade de moitas ocupacións e traballos que realizan, maioritariamente, as mulleres.



A fin de promocionar e divulgar os contidos desta exposición, a Concellaría distribuirá 10.000 postais -5.000 coa imaxe de Fran, ex-xogador do Deportivo e 5.000 con Pili Neira, ex-xogadora do Karbo, cinco veces campiona de España e seleccionadora galega de fútbol, que está acompañada na imaxe por varias xogadoras da selección- a través dun encarte na guía GO. Esta distribución desenvolverase tanto no Concello da Coruña como por concellos da área metropolitana. Esta guía distribúese, principalmente, en locais de hostelaría, hoteis, etc, de varias capitais do Estado. Polo especial interese desta exposición, as persoas responsables desta publicación decidiron incluíla na sección adicada a resaltar e difundir as principais actividades culturais que se desenvolverán no mes de marzo no conxunto do Estado.



Por outra banda, tal e como esta Concellaría vén desenvolvendo nos últimos anos, darase moita importancia aos obradoiros a desenvolver nos diferentes Centros Cívicos baixo o título de "Mulleres, portadoras de culturas", relacionados coa exposición do Kiosco Alfonso.

A principal novidade a respecto dos obradoiros é a inclusión da rede de Espazos de Atención á Infancia do Servizo de Canguros co desenvolvemento do obradoiro "Todas e todos traballando de igual a igual", dirixido aos máis cativos, e que se desenvolverá nestes espazos o propio 8 de marzo.



Un día especial será a celebración no Teatro Rosalía de Castro da Gala-Homenaxe a María Luz Morales Godoy, coruñesa e primeira muller en España en dirixir un xornal. No seu caso foi "La Vanguardia" de Barcelona, en plena guerra civil.

Durante esta Gala visionarase por vez primeira o documental realizado por Óscar Losada "María Luz Morales: a gran señora da prensa", contándose para amenizar este acto coa actuación do grupo LULAVAI: catro mulleres harpistas e cantantes que darán o seu toque singular a este evento. A cita será o 26 de marzo, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía. A entrada será de balde ata esgotar localidades.



Tamén sinalou Margarida Vázquez a continuidade dos ciclos anuais sobre "Dereitos básicos e educación en valores na infancia". O 12 de marzo, de 17:30 a 20:00 sobre "Dereito de familia", e o 26 de marzo, de 17:30 a 20:00 sobre "Corresponsabilidade familiar. Saberes esenciais para convivir". Ámbolos dous a celebrar no Centro de Información ás Mulleres da rúa hortensias, s/n, teléfono 981 184 356.