20.12.10

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, a Asociación Comercial Zona Obelisco e Nova CaixaGalicia presentan a pista de xelo ecolóxica instalada nos Xardíns de Méndez Núñez ata o 9 de xaneiro


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, en compañía de Antonio Amor, Presidente da Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco, inaugurou hoxe ás 12:00 a pista de xelo ecolóxica instalada nos Xardíns de Méndez Núñez pola Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco, desde o 20 de decembro ata o 9 de xaneiro, de cara a faqvorecer a conciliación de nais e pais que se acheguen nestas datas a realizar as súas compras ao comercio local do centro da cidade.


As quendas de patinaxe son de media hora, cunha capacidade total de 30 persoas en cada quenda. As nenas e nenos menores de 5 anos só terán acceso á pista se van acompañados/as por unha persoa adulta.

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá facilita a utilización da pista de patinaxe a entidades asociativas da cidade de maneira gratuita, en determinadas franxas horarias de mañá e de noite, acordadas coa Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco.


O día da inauguración da pista, luns 20 de decembro, a pista de patinaxe será utilizada, en horario da mañá pola Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES). Os usuarios e usuarias desta entidade teñen a oportunidade de participar nunha nova e atractiva actividade de lecer, co acompañamento das súas monitoras.

Acompañarán ás usuarias e usuarios da asociación Mª Jesús Bello (responsable de FEAFES na Coruña) e dúas monitoras. María Jesús Bello interveu na rolda para agradecer á concelleira de Igualdade e Participación Cidadá o seu apoio para que este tipo de entidades gozen da pista como calquera neno e nena da Coruña.


Nas próximas datas, as entidades que disfrutarán desta actividade de patinaxe na quenda de mañá serán as seguintes:

 Martes 21 de decembro: FUNDACIÓN ADCOR (traballa con persoas adultas con discapacidade intelectual) e ASBIGA (Asociación Bipolar de Galicia).

 Mércores 22 de decembro: COGAMI (Confederación Galega de Minusválidos)

 Xoves 23 de decembro: ARTEFÍOS (Asociación para la formación de jóvenes límite)


Ademáis, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá quere aproveitar a pista de patinaxe para ofrecer ao grupo de adolescentes da Coruña unha alternativa de lecer sá e divertida, alonxada do consumo de alcohol. Así, ademáis de ofrecer a posibilidade de acceso á pista todos os días durante a noite, ampliando o horario ata ás 12 da noite, haberá 3 días especialmente dedicados á adolescencia.

Os días 23 e 30 de decembro e máis o 8 de xaneiro, desde ás 10 da noite ata a 1 da madrugada, a pista de patinaxe será ademáis discoteca. Un Dj pinchará música na pista de xeo para darlle un ambiente discotequeiro e instalarase o “Bareto Saudable” onde se ofrecerán varias opcións de bebidas sen alcohol para o fomento do consumo responsable.


Esta atractiva oferta de lecer se complementará cun reporteiro que se moverá coa súa cámara entre os e as participantes grabando imaxes, caídas, peripecias e entrevistas. E todas estas gravacións serán retransmitidas en directo nunha pantalla de proxección.

Moitos e moitas adolescentes de institutos coruñeses, e outros pertencentes a entidades asociativas, xa teñen a súa invitación para participar nesta divertida actividade. Tamén teñen o seu espazo reservado todas as familias usuarias do servizo de canguros municipais e os fillos e fillas das mulleres que participan en diferentes programas da Concellaría como o ADA e o Urbana-C.


Por último, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá repartiu invitacións entre todas as asociacións veciñais da Coruña e outras entidades xuvenís e deportivas. No Centro de Participación Cidadá do Birloque aínda hai invitacións a disposición das entidades que desexen ofrecerlas ás súas persoas asociadas e o monitorado da pista de patinaxe tamén terá invitacións, que se repartirán ata que se agoten.


"A Coruña Nowadays" resalta varias das nosas actuacións como parte da arte máis actual da Coruña de hoxe

Envíannos desde Deica Management, empresa local responsable, entre outras cousas, do MUAU ou a exposición "Cambio de roles-Visibilidade", esta reportaxe dunha canle de televisión online catalana adicada á nosa cidade máis actual e vangardista. Estupendo traballo do equipo de Tendencias.tv.



Ver "A Coruña Nowadays (A Coruña hoxe en día)".

10.12.10

Mañá sábado nova edición de Mercanatura nos Rosales



Entre as 10:30 e as 14:30 terá lugar unha nova edición de Mercanatura, Feira de produtos ecolóxicos, naturais e artesanais organizada pola Asociación de Veciños dos Rosales e que conta coa colaboración da nosa Concellaría. Nesta ocasión, ademais, presentarase a nova web do evento, presentación que se desenvolverá ás 10:30 no Centro Cívico dos Rosales e que contará coa presenza de Margarida Vázquez, Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña.

8.10.10

III Salón Coruña Outlet


Hoxe inaugurouse a III edición do Alén, Salón Coruña Outlet, nas instalacións de Palexco. Interviron no acto a Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, en calidade de Deputada Provincial, Miguel Agramayor, presidente da Federación de Comercio, e Quique Tello, Primeiro Tenente de Alcalde e concelleiro de Promoción Económica, Departamento encargado deste evento.

Un centenar de comercios locais, coa novidade da presenza do sector hostaleiro, son os principais reclamos desta nova edición, despois do enorme éxito colleitado polas dúas edicións anteriores.

Nesta ocasión o Salón desenvolverase os días 8, 9 e 10 de outubro. É de sinalar o servizo de gardería que inclúe dúas horas gratuítas.

Deixamos aquí unhas fotos do punto de partida deste Alén.











1.10.10

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá pon en marcha un programa de alfabetización dixital e administración electrónica


O vindeiro 4 de outubro dan comezo os primeiros cursos de informática gratuítos, dirixidos a persoas que integran o tecido asociativo da cidade da Coruña. Este programa formativo nace como resposta a varias necesidades. Por unha banda, a Concellería de Igualdade e Participación Cidadá promoveu unha consulta entre as asociacións e entidades sen fin de lucro da cidade sobre as necesidades e preferencias formativas, destacando a priorización dos cursos de informática, sobre todo, dentro do ámbito das asociacións veciñais.

Ademáis, nas mesas de concertación celebradas nestes últimos meses dentro do Plan de Programación do Tempo na Cidade da Coruña, nas que participaron persoas representantes de todos os ámbitos da cidadanía, apareceu de forma continuada unha demanda sobre a necesidade de coñecer e utilizar as posibilidades da administración electrónica para reducir, tanto tempos de desprazamentos innecesarios, como tempos adicados a xestións administrativas.

Deste xeito, enténdese como imprescindible o dominio das novas tecnoloxías e constátase a necesidade de abordar medidas específicas para fomentar a alfabetización nas TIC’s entre a cidadanía da Coruña, principalmente, entre as persoas con menores posibilidades de acceso a elas.

Para dar resposta a esta necesidade, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá oferta o curso de formación “Alfabetización dixital e Administración Electrónica”, de 30 horas de duración e totalmente gratuíto, dirixido ás entidades veciñais e asociativas da cidade da Coruña.

A formación impartida dentro do curso inclúe, ademáis da capacitación informática e a utilización da e-administración, unha completa información acerca dos recursos dispoñibles en internet, e a forma de utilizalos, incluindo os espazos web municipais do Concello da Coruña.

Os cursos prográmanse en diferentes barrios da cidade co obxecto de facilitar a asistencia a todas as persoas interesadas nesta formación, evitando no posible que teñan que facer grandes desprazamentos para asistir ao curso.

Os primeiros cursos impártense segundo o seguinte calendario:

Federación de Asociacións Veciñáis da Coruña e Área Metropolitana: Dúas quendas, en horario de mañá e de tarde, do 4 ao 27 de outubro.

AECO, Asociación de Empresarias Coruñesas: Do 4 ao 27 de outubro, en horario de tarde.

Asociación Veciñal de Eiris “Uxío Carré”: Do 13 de outubro ao 3 de novembro en horario de tarde, no Centro Cívico de Eirís.

Centro Social Sagrada Familia: Do 13 de outubro ao 3 de novembro en horario de tarde.

O programa formativo seguirá desenvolvéndose noutras entidades para chegar á maior parte da cidadanía que esté interesada en participar nesta iniciativa.

Foto final da intervención artística do "Niño de las Pinturas" no Ventorrillo


Os artistas locais que interviron xunto ao Niño de las Pinturas no Ventorrillo envíannos esta foto onde se aprecia no seu conxunto o resultado final desta peza artística colectiva. Agardamos que o barrio do Ventorrillo poida gozar dela o máximo posible de tempo e actúe como motor de futuras intervencións.

20.9.10

Novas intervencións dentro de San Andrés 1.0

Desde esta fin de semana pode contemplarse, no número 47 da rúa San Andrés, unha nova actuación dentro da programación de San Andrés 1.0, intervención artística sobre baixos comerciais en desuso desta tradicional rúa, de cara tanto á súa rehabilitación comercial e empregando a arte como motor económico e polo de atracción e interese como para recuperar para as xeracións máis mozas a memoria histórica asociada a esta columna vertebral da nosa cidade.

Esta intervención, titulada "Redescubrindo San Andrés", obra de Pequena Suricata, comisaria da mostra, sustitúe á que había no portal 12 adicada á librería "La Poesía".

Temos aquí un antes e un despois en fotos:

Antes

Despois

Por outra parte, o local 52 da citada rúa, onde se desenvolve a intervención "Coñezamos o pasado para coñecer o presente, de Juan Luis Vázquez e Rebeca Varela, amosa xa un número importante de fotos antigas enviadas por cidadáns e cidadás ao correo que se pode ler na propia obra. Queda aquí unha pequena selección:



15.9.10

DINAMO Teatro promociona o I Foro de Participación e consulta á infancia de Novomesoiro


O pasado luns pola tarde, os rapaces e rapazas de DINAMO Teatro pasaron polo barrio de Novomesoiro co obxectivo de promocionar entre a rapazada alí presente, e "xogante", o I Foro de participación e consulta á infancia de Novomesoiro, que se celebrará o venres 24 pola tarde, para todas e todos aqueles que prefiran este horario, e o sábado pola mañá para o resto das rapazas e rapaces.

Deixámosvos unhas fotiños de como lles foi motivando a estes pequerrechos para convertilos desde xa en cidadás e cidadáns participativos e enganchados totalmente ao desenvolvemento do seu xoven barrio.



13.9.10

Cursos de formación do Plan de emprego e participación das mulleres


A partir de outubro comezaremos estes Cursos de formación dirixidos ás mozas e mulleres da Agra do Orzán, dentro do Plan de emprego e participación das mulleres. O obxectivo deste Plan é promover a incorporación das mulleres ao mercado laboral e a súa participación na vida social do barrio.


Deixámosvos na anterior imaxe toda a información e lembrámosvos que a Oficina de información do URBANA-C se atopa na Rúa Corcubión 8, teléfono 981 924 831 e que se atende os luns, mércores e venres de 9:30 a 14:00 horas.

10.9.10

I Foro Infantil de Participación e Consulta á Infancia en Novo Mesoiro


A Concellería de Igualdade e Participación Cidadá organiza o I Foro Infantil de Participación e Consulta á Infancia en Novo Mesoiro, que se celebrará os próximos días 24 e 25 de setembro, no Centro Cívico e Social.

Esta iniciativa nace co obxecto de crear un espazo lúdico, participativo e educativo no que as nenas e nenos de Novo Mesoiro teñan a oportunidade de participar activamente na vida do seu barrio e aportar as súas opinións, propostas e demandas.

Neste I Foro Infantil, as e os participantes tomarán parte nunha experiencia participativa e educativa na que poderán actuar como “cidadanía” comprometida co seu contorno, conseguindo así unha das condicións básicas para educar en sociedade: o desenvolvemento da capacidade de participar.

Para facilitar a participación neste Foro Infantil, haberá dúas convocatorias: o venres 24 de setembro pola tarde e o sábado 25 pola mañá. A preinscrición pode facerse en calquera das dúas quendas, en función da preferencia ou disponibilidade.

O Foro estará aberto a todos os nenos e nenas de Novo Mesoiro que teñan idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, ainda que durante o desenvolvemento do mesmo dividiranse en grupos en función da súa idade. Ademáis, durante o acto ofreceremos unha merenda aos menores participantes.


INFORMACIÓN E PREINSCRICIÓN:


Datas de preinscrición: do 13 ao 19 de setembro.
Centro Cívico e Social de Novo Mesoiro
Teléfono: 981 184 200 Ext: 88308 /88315
Correo electrónico: participacion@coruna.es

8.9.10

San Andrés 1.0 rectifica a historia comercial dunha rúa en decadencia


A rúa de San Andrés foi, en tempos, o indiscutible Centro Comercial da Coruña. A aparición de novos hábitos de consumo, a restruturación do espazo urbano coruñés cara aos aneis residenciais exteriores -novos barrios como Rosales e Novomesoiro e concellos limítrofes como Culleredo ou Arteixo- as numerosas incompatibilidades na conciliación da vida laboral, familiar e persoal, a importante presenza de multinacionais da venda e distribución de alimentos e bens, entre outras, son algunhas das razóns que poden explicar a continua decadencia que leva vivindo esta rúa nas últimas dúas décadas.

É por isto que naceu San Andrés 1.0, unha potente intervención artística onde partimos dun soporte atrevido, como eran os seis baixos comerciais en desuso que a Asociación Comercial Zona Obelisco ofertou á nosa Concellaría, e empregamos un grandísimo muro que ocupa tres antigas edificacións xa desaparecidas, todas elas co tradicional ancho dun remo, como índice e guía para o conxunto da exposición.

A valoración actual desta iniciativa non pode ser máis positiva. Varios dos locais involucrados están xa alugados ou en procesos administrativos previos ao seu novo uso. Por primeira vez en anos aumenta o uso comercial desta rúa. A arte, a intervención directa sobre os elementos que conforman a característica definitoria de San Andrés, os baixos comerciais, é o motor sobre o que xira a recuperación deste tipo de espazos en franca competencia desigual coas novas superficies comerciais e os novos usos do tempo dos cidadáns e cidadás.

Deixámosvos aquí uns enlaces procedentes de diferentes medios que continúan a facerse eco desta iniciativa e dos seus excelentes resultados.


Nos próximos días recibiredes cumprida información sobre a continuidade deste tipo de iniciativas noutro entorno urbano comercialmente degradado da nosa cidade, como é a Agra do Orzán.


7.9.10

As primeiras solicitudes de Mediación Veciñal chegan ao noso Departamento


Están a chegar ao nosa Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá as primeiras peticións de veciños e veciñas da nosa cidade para solicitar a intervención do noso equipo de Mediación Veciñal.

A campaña de difusión deste programa comezará a semana que vén, polo que estas solicitudes indican o interese enorme que espertou esta posibilidade de mediación que ofrece o Concello da Coruña.

Para contactar e informarse dos pasos necesarios para solicitala, podedes chamar ao 981 189 869, através da web de Igualdade e Participación ou en Mediación Veciñal dentro de coruna.es/participacion.

Tamén podes dirixirte ao Centro do Birloque da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá.


Tamén podedes enviar un email a participacion@coruna.es

Ver noticia no Ideal Gallego

.

10.8.10

NOVA CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS E AXUDAS DA XUNTA DE GALICIA

1. Subvencións a entidades de iniciativa social sen fin de lucro para actividades e programas de atención ás persoas maiores e persoas con discapacidade

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña informa da apertura da convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia para o ano 2010, a entidades de iniciativa social para o mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais especializados nos ámbitos da atención ás personas mayores e persoas con discapacidade.

As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, non ter fin de lucro e ter o seu enderezo social en Galicia ou delegación na comunidade autónoma.

O prazo de solicitude rematará o 26 de agosto do 2010.

Achegamos enlace ás bases completas da convocatoria.





2. Axudas a asociacións e entidades sen fin de lucro para programas de acollida e integración de inmigrantes
A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña informa da apertura da convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia a entidades sen ánimo de lucro para desenvolver programas destinados a favorecer os procesos de acollida e integración da poboación inmigrante e retornada na Comunidade Autónoma galega.

As entidades solicitantes deberán estar legalmente constituidas e inscritas no correspondente rexistro administrativo. Deberán ter o seu enderezo social en Galicia ou delegación na comunidade autónoma, e desenvolver actuacións que favorezan a acollida e integración das persoas inmigrantes e retornadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de solicitude rematará o 23 de agosto do 2010.

Achegamos enlace ás bases completas da convocatoria.



5.8.10

Dous novos baixos comerciais para San Andrés 1.0

Estes son os dous locais que se engadirán aos xa existentes para conformar unha exposición na propia rúa de San Andrés, co ramal Marqués de Pontejos, de oito intervencións artísticas. A día de hoxe este é o estado destes locais:




19.7.10

Impacto de San Andrés 1.0 nos medios de comunicación


Estupendo artigo da Voz de Galicia e presenza na axenda da Opinión.

Estas imaxes corresponden coa portada da sección local e o artigo int5erior de dita sección que apareceu no primeiro dos medios o sábado 17. Quédanvos aquí os enlaces máis interesantes que fomos atopando:





16.7.10

Arranca a Expo Urbana San Andrés 1.0


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña, a Asociación Zona Obelisco, a Escola de Artes Pablo Picasso e o Museo Urbano de Arte Urbana (MUAU) poñen á disposición do público unha intervención artística que a partir do venres 16 de xullo dá a oportunidade de facer máis nosa unha das rúas máis emblemáticas da Coruña aínda. Cinco establecementos sen actividade comercial e un muro agardan ás/aos paseantes de San Andrés cada un coa súa sorpresa.

Como non podería ser doutra forma, esta edición do MUAU di ata logo tal como empezou, despregando creatividade, participación e reflexión no espazo público coruñés. Durante o verán San Andrés amosará vidas, xentes, comercios, ocio, cultura, outros tempos... a través da arte. A rúa invita a quen pasea a coñecela un pouco máis e a sorprenderse cos tesouros que oculta.

Pasado, presente e futuro de San Andrés
"Benvid@s a San Andrés. Se me paseades cos ollos ben abertos, en cada mirada, en cada paso, en cada esquina, en cada escaparate, veredes o voso pasado. En todos e cada un dos instantes en que me atopedes estarán o voso gozo presente e os nosos soños futuros".


Con esta benvida, o muro situado á altura do número 95 avisa de que a arte urbana pode falar idiomas de distintas xeracións, de distintos tempos. A Coruña fai a proba na rúa de San Andrés. EME é a artista que pintou o muro, nun dos poucos solares sen edificar que hai na rúa. A súa intervención leva por título San Andrés 1.0.

Nove estudantes da Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña comisariados por outra artista, Pequena Suricata, crearon e montaron instalacións artísticas en comercios sen actividade, espallados por toda a rúa. Arte detrás das sorpresas e das visións que conectan o novo e o vello. Recordos e fotografías de moito atrás xogan con propostas actuais máis que atractivas. Os locais que acolle as instalacións están situados no nº 12, nº 45, nº 52, nº 86 e no nº 128, aos que se engade o mural correspondente aos números 95-97-99.

Comerciantes, estudantes, artistas... cidadás e cidadáns
A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña organiza e financia a esta intervención que converterá a rúa San Andrés no centro da arte urbana coruñesa durante o verán, xunto co MUAU, quen tamén organiza e produce. Participa tamén na organización a Asociación Zona Obelisco. Grazas a ela é posible dispor, entre outras cousas, de establecementos nos que traballar.

Quen son os/as artistas autores e autoras da intervención? A artista autora do mural é EME, galega nacida en 1984 na Coruña que traballa a fotografía, a animación, as instalacións e a pintura, utilizando e reutilizando gran variedade de soportes novos ou usados. EME estudiou Belas Artes en Vigo e Madrid.

Os artistas que levaron a cabo as obras nos locais son nove alumnos e alumnas da Escola de Artes Pablo Picasso. Traballaron baixo a supervisión e a axuda da comisaria da intervención: Pequena Suricata, fotógrafa e deseñadora coruñesa nacida en 1982, ex-alumna da Escola de Artes Pablo Picasso, que extende a súa creatividade tamén ao campo da música, neste caso baixo o seudónimo de Jane Joyd.

Esta é a listaxe de establecementos, títulos das intervencións e autores/as:

Local nº 12 "Somos o reflexo das nosas rúas"
Juan Regueiro

Local nº 45 "Bótalle un ollo a San Andrés"
Yolanda Rubio
Jorge No
Daniel Pulgarín
Pequena Suricata (interior escaparate)

 Local nº 52 "Coñezamos o pasado para coñecer o presente"
Juan Luis Vázquez
Rebeca Varela

Local nº 86 "25 miradas e unha mariquita"
David Guerra
Víctor Guerra

Local nº 128 "Historias, vida e lembranzas da rúa San Andrés"
Raúl Mella

Á Escola está tamén vinculado Nilo Arias, profesor que coordinou a selección e o contacto coa organización do MUAU.

Así mesmo, colaboraron a Concellaría de Medio Ambiente, o Arquivo Municipal da Coruña, o Centro de Formación e Emprego, e os fotógrafos Alberto Martí e Pepucho Castro.

San Andrés 1.0 en construción

13.7.10

San Andrés 1.0 conxugará historia, arte e comercio para revitalizar esta arteria coruñesa


O próximo venres 16 de xullo, a partir das 11:30 na confluencia das rúas de San Andrés e Santa Catalina, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá e maila Asociación Comercial Zona Obelisco presentarán ante a prensa e o público en xeral a EXPO URBANA: San Andrés 1.0. A motivación destas seis intervencións artísticas dispostas ao longo de boa parte desta arteria comercial coruñesa en cinco baixos comerciais e un gran mural é aunar esforzos e disciplinas para, mediante un proceso participativo, reflexionar sobre a historia de San Andrés, o seu tradicional potencial comercial e a súa desmerecida situación actual a partir dunhas intervencións realizadas por diferentes artistas locais, algúns verdadeiramente mozos e mozas -alumnado procedente da Escola de Arte Pablo Picasso- de cara á súa revitalización urbana externa e "interna" ou espiritual, se se prefire.

Cómpre resaltar a colaboración de fotógrafos como Alberto Martí e Pepucho Castro así como a implicación do Arquivo Municipal da Coruña e o Centro de Emprego e Formación.

A intención dos organizadores é que estas actividades estean expostas ao longo de todo o verán de cara a aproveitar tamén a numerosa presenza de turistas polas nosas rúas, máis aínda se temos en conta a celebración do Xacobeo 2010.

Os próximos días iremos adiantándovos unha parte destes intervencións co ánimo de que vos aproximedes a partir deste venres a esta rúa coruñesa que forma parte do pasado, do presente e do futuro, sen dúbida, de todas e todos nós.

9.7.10

REMATA A FORMACIÓN DO PRIMEIRO EQUIPO DE MEDIACIÓN EN CONFLITOS VECIÑAIS DA CORUÑA



O día 7 de xullo rematou a formación dos voluntarios e voluntarias que formarán o equipo de mediación en conflitos veciñais, recurso que a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá porá en marcha no mes de setembro.

O proceso formativo dos futuros mediadores e mediadoras veciñais deu comezo no mes de maio, abordando temáticas sobre emocións, comunicación, resolución de conflitos, lexislación e, neste último módulo, sobre a mediación veciñal en contextos interculturais.

Na formación, impartida por profesionais de recoñecido prestixio, empregouse unha metodoloxía totalmente participativa, co obxecto de capacitar ao alumnado para as futuras actuacións nos procesos de resolución de conflictos veciñais.

Desde a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá queremos dar as gracias a Alba, Alfredo, Carmen, Inma, Juan, Luis, Manuel, Merce, Mercedes, Pablo e Rosa pola súa implicación neste proxecto e polo gran traballo que están realizando.

Subliñar que todas estas persoas forman un magnífico grupo de mediadoras e mediadores veciñais, e serán quenes formen parte da primeira equipa voluntaria-profesionalizada do programa.