29.4.09

Foro de Participación Cidadá do Concello da Coruña.


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña iniciaba en abril do ano 2008 un proceso de diálogo que pretendía integrar ao conxunto das asociacións do municipio, á propia Institución Municipal, e a calquera persoa interesada, na identificación de propostas cara á promoción da participación cidadá e o papel das asociacións.
Con este obxecto, o traballo centrouse na formulación de propostas para a actualización do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello; e na identificación de posibles actuacións que, promovidas desde a Institución Municipal ou desde o tecido asociativo, poderían abrir novas potencialidades de intercooperación ou poderían promover a participación dos e das cidadáns.
Este proceso baseouse no desenvolvemento de distintos formatos que posibilitasen o debate participativo. Cómpre destacar que non se pretendía tanto unha acadar unha representatividade estatística do tecido asociativo, sempre difícil nun marco no que non existe unha estrutura Institucional que o favoreza, como unha representatividade estrutural ou de perfís; de xeito que as ideas que se recollesen como conclusión representasen ás diferentes perspectivas presentes nas asociacións do municipio e, deste xeito, fixeran asequible a súa aceptación xeneralizada.


Estrutura do proceso:

Dispositivo I. Celebración do I Foro participativo:
O proceso arrancaba os días 25 e 26 de abril de 2008, coa celebración das I Xornadas de Encontro e Debate co Tecido Asociativo coruñés, organizadas pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá. A estas Xornadas foron convocadas o conxunto das asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello.
O traballo nesta ocasión foi introducido por unha ponencia a cargo de
D. Tomás Rodríguez Villasante, profesor titular no Dpto. De Ecoloxía Humana da Facultade de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid; que aportou unha perspectiva xeral da implementación de políticas participativas en distintos ámbitos e realidades locais. Posteriormente, abriuse un turno de preguntas e debate en plenario entre o conxunto das persoas asistentes.
A continuación, as persoas que asistiron ás mesmas realizaron unha reflexión diagnóstica compartida ao respecto da situación da participación cidadá e asociativa no municipio, distribuíndose en pequenos grupos de traballo.
Esta reflexión pretendía conformar un marco valorativo que contextualizase e favorecera a formulación de propostas para a mellora desta situación. Do mesmo xeito, permitiu que as persoas asistentes a este Foro acordasen a constitución de tres Mesas de debate que darían continuidade ao proceso.



Dispositivo II. Organización de Mesas de debate participativo:
Foi con este obxectivo que desde a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá se procedeu a organizar tres Mesas de debate participativo, abertas, de igual xeito, ao tecido asociativo local e a calquera persoa interesada.
Cada unha destas Mesas mantivo un total de 3 xuntanzas ao longo do período que vai entre maio e novembro de 2008. En cada caso, desenvolvíase unha temática concreta e específica, partindo das conclusións formuladas desde as I Xornadas. Estas temáticas eran, en concreto:

Mesa I. Centrada na actualización do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá e na procura de canles para unha comunicación máis eficaz entre o tecido asociativo e a Admon. Local.
Esta Mesa celebrou a súa 1ª xuntanza o día 17 de xuño. A 2ª xuntanza foi realizada o sábado 27 de setembro. A terceira xuntanza desenvolveuse a través de traballos en grupos máis reducidos ao longo do mes de novembro.
Mesa II. Centrada na busca de posibles estratexias de cooperación e traballo en rede entre as entidades asociativas.
Esta Mesa celebrou a súa 1ª xuntanza o día 19 de xuño. A 2ª xuntanza foi realizada o sábado 27 de setembro. A terceira xuntanza desenvolveuse a través de traballos en grupos máis reducidos ao longo do mes de novembro.
Mesa III. Centrada na procura de posibilidades para promover un proxecto conxunto de participación cidadá e fomento da consciencia sociocomunitaria.
As mesas II e III foron integradas na celebración da 2ª xuntanza, que tivo lugar o día sábado 27 de setembro. A terceira xuntanza desenvolveuse a través de traballos en grupos máis reducidos ao longo do mes de novembro, integrándose o seu contido na liña de traballo da Mesa II.
A 1ª xuntanza en cada unha das Mesas tiña como obxectivo definir criterios xerais, que orientasen a formulación de propostas máis específicas de actuación para a súa temática en posteriores xuntanzas. Na 2ª xuntanza abordouse, por tanto, a definición conxunta de propostas concretas para a promoción da participación. A 3ª volta tiña como obxectivo o contraste das propostas finais e o establecemento de bases de consenso cara a súa presentación no II Foro de participación.
En todos os casos, a metodoloxía de traballo aplicada consistiu nun debate colectivo que combinaba o pequeno e o gran grupo.


Dispositivo III. Desenvolvemento de contactos co tecido asociativo:
Tanto no inicio do proceso, como ao longo do mesmo foron realizadas distintas entrevistas, individuais ou grupais, con persoas que eran membros ou representantes de distintas entidades asociativas.
Estes contactos atenderon moi especialmente a favorecer a comunicación coas federacións que no municipio agrupan ao tecido asociativo. En concreto, mantivéronse varias sesións de información e contraste con membros da Xunta Directiva da Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de Coruña, coa Xunta Directiva da Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana e con membros da Federación de Asociacións Veciñais Salvador de Madariaga.
O obxectivo dos contactos mantidos foi o de reforzar a súa implicación no proceso, e favorecer puntos de interese ou consenso que apoiaran o desenvolvemento dos Foros ou as Mesas de debate.
Así mesmo, e co obxectivo de achegarlles o desenvolvemento do proceso e favorecer que tivesen coñecemento das súas conclusións, mantivéronse xuntanzas periódicas con representantes de diferentes grupos políticos presentes na Corporación Local.


Dispositivo IV. Celebración do II Foro participativo:
Unha vez definidas un conxunto de propostas a partir dos espazos de debate anteriormente descritos, o proceso tivo o seu peche o día 17 de xaneiro de 2009, coa celebración das II Xornadas de Encontro e Debate co Tecido Asociativo coruñés; organizadas pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, e abertas ao conxunto do tecido asociativo e a calquera persoa interesada.
Co obxectivo de aportar un elemento de contraste, e facilitar así o debate, o Foro abriuse coa presentación da experiencia e resultados de diferentes mecanismos de participación cidadá aplicados no Concello de Córdoba; entre outros, Regulamento de Participación Cidadá e Orzamentos Participativos. A exposición foi realizada por
Dª. Rocío López Lozano, xefa do Departamento de Participación Cidadá do Concello de Córdoba; e Dª. Teresa Caballero Luque, Presidenta da AVV “El Islam” da “Colonia de la Paz”, e vicepresidenta do Consello do Distrito Noroeste así como do Consello do Movemento Cidadán. Posteriormente, abriuse un turno de preguntas e debate en plenario entre o conxunto das persoas asistentes.
A continuación, as entidades e persoas asistentes tiveron devolución detallada do resultado e operativización final dos debates realizados ao longo do proceso; en concreto, presentáronse as propostas formuladas para a actualización do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, e cara á promoción da cooperación asociativa e o papel das asociacións como axentes de participación.
O resultado final destas Xornadas foi, por tanto, o contraste e validación final das conclusións e propostas presentadas.

2 comentarios:

  1. Poderiades publicar as conclusións das mesas de traballo?Grazas

    ResponderEliminar
  2. Envíanos un correo electrónico desde o Buzón de MARGARIDA que tes á túa dereita e recibirás unha Memoria completa de todo o proceso do Foro de Participación Cidadá do Concello da Coruña que inclúe, por suposto, as conclusións das Mesas de traballo.

    ResponderEliminar