16.7.10

Arranca a Expo Urbana San Andrés 1.0


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña, a Asociación Zona Obelisco, a Escola de Artes Pablo Picasso e o Museo Urbano de Arte Urbana (MUAU) poñen á disposición do público unha intervención artística que a partir do venres 16 de xullo dá a oportunidade de facer máis nosa unha das rúas máis emblemáticas da Coruña aínda. Cinco establecementos sen actividade comercial e un muro agardan ás/aos paseantes de San Andrés cada un coa súa sorpresa.

Como non podería ser doutra forma, esta edición do MUAU di ata logo tal como empezou, despregando creatividade, participación e reflexión no espazo público coruñés. Durante o verán San Andrés amosará vidas, xentes, comercios, ocio, cultura, outros tempos... a través da arte. A rúa invita a quen pasea a coñecela un pouco máis e a sorprenderse cos tesouros que oculta.

Pasado, presente e futuro de San Andrés
"Benvid@s a San Andrés. Se me paseades cos ollos ben abertos, en cada mirada, en cada paso, en cada esquina, en cada escaparate, veredes o voso pasado. En todos e cada un dos instantes en que me atopedes estarán o voso gozo presente e os nosos soños futuros".


Con esta benvida, o muro situado á altura do número 95 avisa de que a arte urbana pode falar idiomas de distintas xeracións, de distintos tempos. A Coruña fai a proba na rúa de San Andrés. EME é a artista que pintou o muro, nun dos poucos solares sen edificar que hai na rúa. A súa intervención leva por título San Andrés 1.0.

Nove estudantes da Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña comisariados por outra artista, Pequena Suricata, crearon e montaron instalacións artísticas en comercios sen actividade, espallados por toda a rúa. Arte detrás das sorpresas e das visións que conectan o novo e o vello. Recordos e fotografías de moito atrás xogan con propostas actuais máis que atractivas. Os locais que acolle as instalacións están situados no nº 12, nº 45, nº 52, nº 86 e no nº 128, aos que se engade o mural correspondente aos números 95-97-99.

Comerciantes, estudantes, artistas... cidadás e cidadáns
A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña organiza e financia a esta intervención que converterá a rúa San Andrés no centro da arte urbana coruñesa durante o verán, xunto co MUAU, quen tamén organiza e produce. Participa tamén na organización a Asociación Zona Obelisco. Grazas a ela é posible dispor, entre outras cousas, de establecementos nos que traballar.

Quen son os/as artistas autores e autoras da intervención? A artista autora do mural é EME, galega nacida en 1984 na Coruña que traballa a fotografía, a animación, as instalacións e a pintura, utilizando e reutilizando gran variedade de soportes novos ou usados. EME estudiou Belas Artes en Vigo e Madrid.

Os artistas que levaron a cabo as obras nos locais son nove alumnos e alumnas da Escola de Artes Pablo Picasso. Traballaron baixo a supervisión e a axuda da comisaria da intervención: Pequena Suricata, fotógrafa e deseñadora coruñesa nacida en 1982, ex-alumna da Escola de Artes Pablo Picasso, que extende a súa creatividade tamén ao campo da música, neste caso baixo o seudónimo de Jane Joyd.

Esta é a listaxe de establecementos, títulos das intervencións e autores/as:

Local nº 12 "Somos o reflexo das nosas rúas"
Juan Regueiro

Local nº 45 "Bótalle un ollo a San Andrés"
Yolanda Rubio
Jorge No
Daniel Pulgarín
Pequena Suricata (interior escaparate)

 Local nº 52 "Coñezamos o pasado para coñecer o presente"
Juan Luis Vázquez
Rebeca Varela

Local nº 86 "25 miradas e unha mariquita"
David Guerra
Víctor Guerra

Local nº 128 "Historias, vida e lembranzas da rúa San Andrés"
Raúl Mella

Á Escola está tamén vinculado Nilo Arias, profesor que coordinou a selección e o contacto coa organización do MUAU.

Así mesmo, colaboraron a Concellaría de Medio Ambiente, o Arquivo Municipal da Coruña, o Centro de Formación e Emprego, e os fotógrafos Alberto Martí e Pepucho Castro.

1 comentario: