20.12.10

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, a Asociación Comercial Zona Obelisco e Nova CaixaGalicia presentan a pista de xelo ecolóxica instalada nos Xardíns de Méndez Núñez ata o 9 de xaneiro


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, en compañía de Antonio Amor, Presidente da Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco, inaugurou hoxe ás 12:00 a pista de xelo ecolóxica instalada nos Xardíns de Méndez Núñez pola Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco, desde o 20 de decembro ata o 9 de xaneiro, de cara a faqvorecer a conciliación de nais e pais que se acheguen nestas datas a realizar as súas compras ao comercio local do centro da cidade.


As quendas de patinaxe son de media hora, cunha capacidade total de 30 persoas en cada quenda. As nenas e nenos menores de 5 anos só terán acceso á pista se van acompañados/as por unha persoa adulta.

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá facilita a utilización da pista de patinaxe a entidades asociativas da cidade de maneira gratuita, en determinadas franxas horarias de mañá e de noite, acordadas coa Asociación de Comerciantes da Zona Obelisco.


O día da inauguración da pista, luns 20 de decembro, a pista de patinaxe será utilizada, en horario da mañá pola Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES). Os usuarios e usuarias desta entidade teñen a oportunidade de participar nunha nova e atractiva actividade de lecer, co acompañamento das súas monitoras.

Acompañarán ás usuarias e usuarios da asociación Mª Jesús Bello (responsable de FEAFES na Coruña) e dúas monitoras. María Jesús Bello interveu na rolda para agradecer á concelleira de Igualdade e Participación Cidadá o seu apoio para que este tipo de entidades gozen da pista como calquera neno e nena da Coruña.


Nas próximas datas, as entidades que disfrutarán desta actividade de patinaxe na quenda de mañá serán as seguintes:

 Martes 21 de decembro: FUNDACIÓN ADCOR (traballa con persoas adultas con discapacidade intelectual) e ASBIGA (Asociación Bipolar de Galicia).

 Mércores 22 de decembro: COGAMI (Confederación Galega de Minusválidos)

 Xoves 23 de decembro: ARTEFÍOS (Asociación para la formación de jóvenes límite)


Ademáis, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá quere aproveitar a pista de patinaxe para ofrecer ao grupo de adolescentes da Coruña unha alternativa de lecer sá e divertida, alonxada do consumo de alcohol. Así, ademáis de ofrecer a posibilidade de acceso á pista todos os días durante a noite, ampliando o horario ata ás 12 da noite, haberá 3 días especialmente dedicados á adolescencia.

Os días 23 e 30 de decembro e máis o 8 de xaneiro, desde ás 10 da noite ata a 1 da madrugada, a pista de patinaxe será ademáis discoteca. Un Dj pinchará música na pista de xeo para darlle un ambiente discotequeiro e instalarase o “Bareto Saudable” onde se ofrecerán varias opcións de bebidas sen alcohol para o fomento do consumo responsable.


Esta atractiva oferta de lecer se complementará cun reporteiro que se moverá coa súa cámara entre os e as participantes grabando imaxes, caídas, peripecias e entrevistas. E todas estas gravacións serán retransmitidas en directo nunha pantalla de proxección.

Moitos e moitas adolescentes de institutos coruñeses, e outros pertencentes a entidades asociativas, xa teñen a súa invitación para participar nesta divertida actividade. Tamén teñen o seu espazo reservado todas as familias usuarias do servizo de canguros municipais e os fillos e fillas das mulleres que participan en diferentes programas da Concellaría como o ADA e o Urbana-C.


Por último, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá repartiu invitacións entre todas as asociacións veciñais da Coruña e outras entidades xuvenís e deportivas. No Centro de Participación Cidadá do Birloque aínda hai invitacións a disposición das entidades que desexen ofrecerlas ás súas persoas asociadas e o monitorado da pista de patinaxe tamén terá invitacións, que se repartirán ata que se agoten.


No hay comentarios:

Publicar un comentario