6.11.09

Campaña informativa sobre a ampliación das Zonas de Especial Protección



A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá comeza hoxe unha campaña informativa nas prazas de Santa Catalina, Cormelana e Africano, incluíndo os seus arredores, para explicar, principalmente á mocidade que alí se reúne, os efectos e motivacións da declaración destas áreas como ZEP ( Zonas de Especial Protección ), ao abeiro da Ordenanza de convivencia e ocio nos espazos públicos da cidade da Coruña.

Despois de que a Concelleira de Medio Ambiente, Nieves Vázquez, dese conta dos factores conxuntos que concorren nestes espazos da nosa cidade para xustificar esta declaración, Margarida Vázquez Veras pasou a expresar a opinión e as medidas complementarias da súa área de Participación Cidadá, tal e como acontecera hai aproximadamente ano e medio, cando entrara en vigor dita Ordenanza, acompañada da declaración e aprobación en Xunta de Goberno das primeiras ZEP.

Reproducimos a continuación as palabras de Margarida peronunciadas na rolda de prensa onde se daba conta desta decisión encamiñada a PROTEXER eses espazos públicos e evitar, na medida do posible, usos excluíntes dos mesmos.

Evidentemente, agardamos que o CIVISMO impere e se poida conxeniar o dereito ao descanso e a vivir nun contorno saudable das veciñas e veciños co dereito ao lecer daquelas persoas que así o desexen.




INTERVENCIÓN DE MARGARIDA VÁZQUEZ

"Hai case un ano e medio que entrou en vigor a Ordenanza de Convivencia e ocio no espazo público da cidade da Coruña. Tratábase de conxeniar o dereito das e dos veciños ao descanso-ou ao goce de espazos públicos sanitaria e medioambientalmente dignos-co dereito de todas e todos os veciños ao aproveitamento lúdico deses mesmos espazos.

Para poder garantir a concorrencia destes dereitos, a ordenanza contemplaba, e contempla, a posibilidade de declarar as denominadas Zonas de Especial Protección, de carácter totalmente EXCEPCIONAL, xa que para a súa declaración era preciso que concorresen, á súa vez, determinadas circustancias como as que xa comentou a concelleira de Medio Ambiente.

Naquelas datas, efectivamente, esta declaración circunscribiuse ás Prazas do Humor e Azcárraga, considerando, desde a nosa Concellería de Igualdade e Participación Cidadá, que a mellor achega que podíamos poñer a disposición dos VALORES CÍVICOS que nos guían e defendemos e da sociedade coruñesa, tanto da que ten dereito ao descanso como da que o ten ao lecer, era a realización dunha campaña informativa in situ e nas horas en que se desenvolvía o conflito, sobre as consecuencias da aplicación desta denominación, o por qué da súa declaración e as alternativas que esta mesma ordenanza nos fornece: efectivamente, poderemos desfrutar dos espazos públicos tanto en canto non se altere a normal convivencia cidadá. Dito en roman paladino: tanto en canto non se moleste a outras veciñas e veciños que, como no caso que hoxe nos ocupa, vían lesionados dereitos tan básicos como o dereito ao descanso ou a vivir e convivir nun contorno saudable.

A única motivación desta declaración non é, como algúns pretenden, a da PROHIBICIÓN, se non a da PROTECCIÓN de zonas da cidade que, reiteradamente, vivían e padecían uns usos excluíntes acompañados, en ocasións, e isto é moi de lamentar, de actos vandálicos que atentan contra os bens de todos: os espazos públicos da nosa cidade.

Continuaremos cun modelo que xa deu os seus froitos coincidindo coas anteriores declaracións de Zonas de Especial Protección, que é a difusión das implicacións que ten esta declaración mediante unha parella de monitores que. á súa vez, recollerán as inquietudes ou propostas das persoas coas que traten este primeiro fin de semana de entrada en vigor desta declaración".


PLANO DAS NOVAS ZEP


No hay comentarios:

Publicar un comentario