1.2.10

Exposición "Mulleres, espello de culturas"


O próximo mércores, 3 de febreiro, inaugúrase no Quiosco Alfonso da Coruña, contra as 13:00 horas, a interesantísima exposición "Mulleres, espello de culturas", organizada polo Concello da Coruña e a Fundación "La Caixa", unha mostra etnográfica sobre o universo feminino a través de 135 obxectos de todo o mundo. Esta inauguración correrá a cargo de Margarida Vázquez, concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, e María Xosé Bravo, concelleira de Cultura.


Esta exposición traza un percorrido a través dunha selección de atractivas pezas -cedidas polo Museo Etnolóxico de Múnic- que adquiren nova vida como testemuños das mulleres que un día foron as súas usuarias. Cada unha das 135 pezas que compoñen a mostra -desde fotografías e esculturas até obxectos diversos, como vestidos ou xoias- é un fragmento de vida, aparentemente exótico e afastado, pero que permite abordar temas universais e compartidos por todas as mulleres do mundo.


A colección procede de sete culturas de África, Asia e América amazónica e setentrional, e permítenos, ao mesmo tempo, coñecer outras culturas e reflexionar sobre a nosa propia realidade familiar, social e espiritual. A mostra, organizada pola Obra Social "La Caixa" coa colaboración do Museo Etnolóxico de Múnic, e que despois do seu paso por CaixaForum Lleida se presenta na Coruña, divídese en tres ámbitos, cada un dos cales recolle varios temas comúns ás mulleres de todos os tempos e espazos, como a familia, o papel da muller na sociedade e a divindade feminina.


No mundo hai infinitos modelos de familia mais, en case todos, a muller tivo un papel primordial como nai, esposa, depositaria da tradición ou responsable da economía doméstica. Así, a exposición exemplifica o rol feminino, en diferentes xeografías e épocas, en relación coa maternidade, o matrimonio ou a división do traballo.


Mulleres, espello de culturas tamén se detén nas consecuencias sociais do feito de ser muller en distintas sociedades, con temas universais como a identidade da muller dentro do grupo, a súa capacidade de decidir sobre o seu propio destino ou a idealización da beleza feminina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario