11.4.10

I Foro sobre conflito, acoso e violencia nas relacións veciñais


A Comisión municipal de seguimento e mediación dos casos de conflito, acoso e violencia veciñal de Vilagarcía de Arousa organizou onte, 10 de abril, unha Xornada-Foro no que participou como ponente Margarida Vázquez, Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña. Durante o desenvolvemento da Xornada os asistentes puideron coñecer de primeira man diferentes prácticas de mediación que se están a desenvolver en Euskadi ou Cataluña, Comunidade esta última sinalada á hora da posta en marcha deste tipo de medidas. Por parte galega, falouse tanto da posta en marcha desta experiencia en Vilagarcía de Arousa como a súa inminente implementación na Coruña como programa de voluntariado social impulsado pola área de Participación Cidadá.





Temas como o acoso veciñal, a violencia na sociedade moderna, a diversidade dos conflitos, as súas causas, tipoloxía, traballos de prevención foron desenvolvéndose con gran naturalidade por cada un dos e das ponentes da xornada de mañá. Pola tarde, a partir das 16:30, veu a quenda das propostas prácticas de mediación, onde se comentaron as experiencias de Euskadi no Bizilagun, de Cataluña, co Servizo de medición dos xulgados de Baix Llobregat, de Santiago de Compostela a partir da experiencia da asociación AGAMIX-Asociación Profesional Galega para a Mediación e a Igualdade de Xénero e, por último, da Coruña, cunha proposta de mediación que supón unha parte importantísima de negociación e intervención social e socio-comunitaria máis que de arbitraxe, como foi no caso doutras experiencias comentadas. En próximos días trataremos este programa coa extensión e profundidade que se merece.


No hay comentarios:

Publicar un comentario