25.4.10

Primeiro Foro de Novomesoiro. Crónica


Onte celebrouse o primeiro Foro de Novomesoiro con grande afluencia de veciños e veciñas que acudiron con gana de escoitar e facerse escoitar.

Despois dunha breve introdución da Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, todas as persoas presentes dividíronse en grupos dunhas sete persoas cada un para poder traballar e poñer en común posteriormente o resultado dese traballo con máis facilidade.



Os participantes no Foro contaban cunhas fichas onde indicar a actividade que querían que se desenvolvese no Centro e, ao lado, a motivación desta proposta. Cada grupo designou unha persoa para exercer a Portavocía e, ao cabo dunha hora, o traballo destes grupos foi posto en común no plenario. Despois dunha quenda de intervencións desde o público, pasouse a pechar este primeiro Foro coa boa nova de que prácticamente todas as persoas que se achegaron onte ao Centro Cívico e Social de Mesoiro quedaron apuntadas para posteriores encontros dun Grupo de Traballo que será o encargado de efectivizar estas propostas, isto é, de aclarar definitivamente qué actividades, cándo e cómo se desenvolven.



Margarida Vázquez aclarou, ao remate, algúns aspectos do que será o funcionamento da Ludoteca e comprometeuse a efectivizar as demandas veciñais expostas durante o Foro. A Directora do Centro, Beatriz Chas, e a Técnica de Participación, Ana Enríquez, non podían ocultar a súa satisfacción sobre cómo se desenvolvera esta actividade. Un barrio exemplar e uns veciños e veciñas con ganas de crear dinámicas sociocomunitarias tan necesarias nun barrio tan novo coma este. Noraboa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario