18.4.10

Rede de Centros da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá

A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá dispón actualmente, para o desenvolvemento das súas políticas, de toda unha Rede de Centros especializados ao que se engadiron recentemente novas unidades.



En primeiro lugar, na Rúa Hortensias s/n do Barrio das Flores, o CIM-Centro de Información ás Mulleres oferta unha completa atención que comprende os apartados xurídico, psicolóxico e laboral. A maiores disto, desde estas instalacións desenvólvense diferentes programas de coeducación -obradoiros de Igualdade para o programa "Aprender en Coruña"-, corresponsabilidade, conciliación -o programa "Concilia os teus tempos" que comprende o Servizo de atención á infancia, o Banco de tempo e o Plan de programación do tempo-, programas de integración para poboación inmigrante extracomunitaria -Programa ADA- e moitas das actividades formativas e conmemorativas tanto do 8 de marzo como do 25 de novembro.



Desde o Centro Municipal do Birloque, de recente apertura, desenvólvense programas de reforzo do entramado asociativo, voluntariado -Mediación Veciñal- e Orzamentos Participativos. Tamén é un referente á hora de xestionar os contidos da nosa web de Igualdade e Participación Cidadá de moi próxima aparición.



O Centro Cívico e Social de Mesoiro, tamén denominado Centro Cívico de Novomesoiro, cunha xestión novidosa compartida entre a nosa Concellaría e a de Srvizos Sociais, conta cun espazo para a conciliación como é a súa Ludoteca ademais de desenvolver políticas de Participación Cidadá e de relación co entramado asociativo máis próximo. Para isto, levamos desenvolvido unha campaña participativa en continuo contacto cos veciños e veciñas da zona e que culminará o próximo sábado 24 de abril coa realización do I Foro Veciñal de Novomesoiro de cara á programación das diferentes actividades deste Centro.

De cara ao próximo ano está previsto inaugurarse un complexo na Agra do Orzán ao abeiro do URBANA-C da Unión Europea, que incluirá un Centro de Día, unha Escola Infantil e a Casa das Mulleres, un espazo duns 800 metros cadrados entendido como centro de referencia para a documentación e as novas tecnoloxías para as políticas de Igualdade. Este complexo estará ubicado na urbanización do Parque da Agra.



Por outra parte, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá conta cunha Rede de Acollemento para a atención de mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou en especiais dificultades. Unha Casa de Acollida, tres pisos tutelados e unha vivenda con apartamentos forman parte desta completa Rede.



A estes Centros hai que sumar a oficina que a nosa Concellaría xestiona desde o Palacio Municipal de María Pita para aplicar políticas de proximidade cos cidadanía e os tres espazos cedidos polas Concellarías de Promoción Económoca e Emprego e Servizos Sociais no Centro de Formación e Emprego, no Centro Cívico do Castrillón e no Centro Cívico de Monte Alto onde se está desenvolvendo o noso Servizo de atención á infancia, ao que se vai sumar un novo espazo no Centro Social da Sagrada Familia.

Toda unha Rede e toda unha responsabilidade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario