23.4.10

MOMO, a orixinalidade e o contraste no centro de Coruña


O MUAU segue o seu camiño cun acompañante moi especial e atractivo: MOMO. O Atlántico non é impedimento ningún cando se quere compartir arte. Entre charlas, obradoiros, exposición e concertos, poderemos descubrir a MOMO no centro da Coruña, rodeando o Obelisco cunha obra inédita, montada con materiais orixinais, na que despregará as cores e as formas xeométricas que a fan tan peculiar. Contraste e diverxencia á man de todos e todas a partir das 12 horas do próximo venres 23 no Obelisco da Coruña.

Esta semana o Museo Urbano de Arte Urbana (MUAU) continúa as súas actividades de formación e debate coa terceira charla-coloquio das Xornadas de Arte Urbano. Coma a semana pasada este foro de formación terá lugar no Forum Metropolitano do Concello da Coruña, que impulsa as actividades que se realizarán neste espazo.

Na charla-coloquio deste xoves 22 de abril o tema de discusión será a ética e a creación artística. E sobre el debaterán Nano4814, artista que abrangue campos creativos diversos coma o deseño, a ilustración, as intervencións na rúa e o labor en galería; Xabier Ballaz, que forma xunto con Edu Crespo o Colectivo Difusor, de Barcelona, que impulsa proxectos para promover a apropiación colectiva dos espazos públicos e María Natividad Bermejo, logroñesa residente en Pontevedra, onde dá clases na Facultade de Belas Artes.

As charlas-coloquio son de de balde e realízanse todos os xoves do mes de abril a partir das 20 horas.



O MUAU ten o pracer de contar co Estudio Alavista como invitado para dirixir o próximo obradoiro das Xornadas de Arte Urbana. O Estudio Alavista, da Coruña, está formado por Leo e Sekone, que conforman un equipo vangardista que usa o deseño, a ilustración e a rotulación como ferramentas artísticas.

Alavista impartirá o obradoiro dos próximos venres 16 e sábado 17. Aínda hai prazas libres para aquelas persoas ás que lles interese o traballo co aerosol e a vertente máis realista do graffiti.

Os obradoiros, aos que previamente hai que inscribirse realízanse todos os venres e sábados do mes de abril e o primeiro sábado de maio. O horario dos venres é de 16.30 a 20.30 horas, e o do sábado é de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20.30.

Os concertos do MUAU 12.0

E como non nos chega coa pintura, probamos tamén coa música. Este Museo Urbano de Arte Urbana invítavos a gozar da música de Jane Joyd de paso que contemplamos as obras de Exposición Posgraffti, xeometría e abstracción. A invitación é literal: quen queira escoitar a esta artista versátil e intensa so ten que achegarse á sede da fundación Caixa Galicia para recoller a súa invitación. Un son fresco e actual achegado ás emocións e raíces americanas escoitarase nesa sede o próximo martes 27, as 21 horas. E é so o principio da música no MUAU.

+INFO

+INSCRICIÓNS




No hay comentarios:

Publicar un comentario