19.7.10

Impacto de San Andrés 1.0 nos medios de comunicación


Estupendo artigo da Voz de Galicia e presenza na axenda da Opinión.

Estas imaxes corresponden coa portada da sección local e o artigo int5erior de dita sección que apareceu no primeiro dos medios o sábado 17. Quédanvos aquí os enlaces máis interesantes que fomos atopando:





16.7.10

Arranca a Expo Urbana San Andrés 1.0


A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña, a Asociación Zona Obelisco, a Escola de Artes Pablo Picasso e o Museo Urbano de Arte Urbana (MUAU) poñen á disposición do público unha intervención artística que a partir do venres 16 de xullo dá a oportunidade de facer máis nosa unha das rúas máis emblemáticas da Coruña aínda. Cinco establecementos sen actividade comercial e un muro agardan ás/aos paseantes de San Andrés cada un coa súa sorpresa.

Como non podería ser doutra forma, esta edición do MUAU di ata logo tal como empezou, despregando creatividade, participación e reflexión no espazo público coruñés. Durante o verán San Andrés amosará vidas, xentes, comercios, ocio, cultura, outros tempos... a través da arte. A rúa invita a quen pasea a coñecela un pouco máis e a sorprenderse cos tesouros que oculta.

Pasado, presente e futuro de San Andrés
"Benvid@s a San Andrés. Se me paseades cos ollos ben abertos, en cada mirada, en cada paso, en cada esquina, en cada escaparate, veredes o voso pasado. En todos e cada un dos instantes en que me atopedes estarán o voso gozo presente e os nosos soños futuros".


Con esta benvida, o muro situado á altura do número 95 avisa de que a arte urbana pode falar idiomas de distintas xeracións, de distintos tempos. A Coruña fai a proba na rúa de San Andrés. EME é a artista que pintou o muro, nun dos poucos solares sen edificar que hai na rúa. A súa intervención leva por título San Andrés 1.0.

Nove estudantes da Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña comisariados por outra artista, Pequena Suricata, crearon e montaron instalacións artísticas en comercios sen actividade, espallados por toda a rúa. Arte detrás das sorpresas e das visións que conectan o novo e o vello. Recordos e fotografías de moito atrás xogan con propostas actuais máis que atractivas. Os locais que acolle as instalacións están situados no nº 12, nº 45, nº 52, nº 86 e no nº 128, aos que se engade o mural correspondente aos números 95-97-99.

Comerciantes, estudantes, artistas... cidadás e cidadáns
A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña organiza e financia a esta intervención que converterá a rúa San Andrés no centro da arte urbana coruñesa durante o verán, xunto co MUAU, quen tamén organiza e produce. Participa tamén na organización a Asociación Zona Obelisco. Grazas a ela é posible dispor, entre outras cousas, de establecementos nos que traballar.

Quen son os/as artistas autores e autoras da intervención? A artista autora do mural é EME, galega nacida en 1984 na Coruña que traballa a fotografía, a animación, as instalacións e a pintura, utilizando e reutilizando gran variedade de soportes novos ou usados. EME estudiou Belas Artes en Vigo e Madrid.

Os artistas que levaron a cabo as obras nos locais son nove alumnos e alumnas da Escola de Artes Pablo Picasso. Traballaron baixo a supervisión e a axuda da comisaria da intervención: Pequena Suricata, fotógrafa e deseñadora coruñesa nacida en 1982, ex-alumna da Escola de Artes Pablo Picasso, que extende a súa creatividade tamén ao campo da música, neste caso baixo o seudónimo de Jane Joyd.

Esta é a listaxe de establecementos, títulos das intervencións e autores/as:

Local nº 12 "Somos o reflexo das nosas rúas"
Juan Regueiro

Local nº 45 "Bótalle un ollo a San Andrés"
Yolanda Rubio
Jorge No
Daniel Pulgarín
Pequena Suricata (interior escaparate)

 Local nº 52 "Coñezamos o pasado para coñecer o presente"
Juan Luis Vázquez
Rebeca Varela

Local nº 86 "25 miradas e unha mariquita"
David Guerra
Víctor Guerra

Local nº 128 "Historias, vida e lembranzas da rúa San Andrés"
Raúl Mella

Á Escola está tamén vinculado Nilo Arias, profesor que coordinou a selección e o contacto coa organización do MUAU.

Así mesmo, colaboraron a Concellaría de Medio Ambiente, o Arquivo Municipal da Coruña, o Centro de Formación e Emprego, e os fotógrafos Alberto Martí e Pepucho Castro.

San Andrés 1.0 en construción

13.7.10

San Andrés 1.0 conxugará historia, arte e comercio para revitalizar esta arteria coruñesa


O próximo venres 16 de xullo, a partir das 11:30 na confluencia das rúas de San Andrés e Santa Catalina, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá e maila Asociación Comercial Zona Obelisco presentarán ante a prensa e o público en xeral a EXPO URBANA: San Andrés 1.0. A motivación destas seis intervencións artísticas dispostas ao longo de boa parte desta arteria comercial coruñesa en cinco baixos comerciais e un gran mural é aunar esforzos e disciplinas para, mediante un proceso participativo, reflexionar sobre a historia de San Andrés, o seu tradicional potencial comercial e a súa desmerecida situación actual a partir dunhas intervencións realizadas por diferentes artistas locais, algúns verdadeiramente mozos e mozas -alumnado procedente da Escola de Arte Pablo Picasso- de cara á súa revitalización urbana externa e "interna" ou espiritual, se se prefire.

Cómpre resaltar a colaboración de fotógrafos como Alberto Martí e Pepucho Castro así como a implicación do Arquivo Municipal da Coruña e o Centro de Emprego e Formación.

A intención dos organizadores é que estas actividades estean expostas ao longo de todo o verán de cara a aproveitar tamén a numerosa presenza de turistas polas nosas rúas, máis aínda se temos en conta a celebración do Xacobeo 2010.

Os próximos días iremos adiantándovos unha parte destes intervencións co ánimo de que vos aproximedes a partir deste venres a esta rúa coruñesa que forma parte do pasado, do presente e do futuro, sen dúbida, de todas e todos nós.

9.7.10

REMATA A FORMACIÓN DO PRIMEIRO EQUIPO DE MEDIACIÓN EN CONFLITOS VECIÑAIS DA CORUÑA



O día 7 de xullo rematou a formación dos voluntarios e voluntarias que formarán o equipo de mediación en conflitos veciñais, recurso que a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá porá en marcha no mes de setembro.

O proceso formativo dos futuros mediadores e mediadoras veciñais deu comezo no mes de maio, abordando temáticas sobre emocións, comunicación, resolución de conflitos, lexislación e, neste último módulo, sobre a mediación veciñal en contextos interculturais.

Na formación, impartida por profesionais de recoñecido prestixio, empregouse unha metodoloxía totalmente participativa, co obxecto de capacitar ao alumnado para as futuras actuacións nos procesos de resolución de conflictos veciñais.

Desde a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá queremos dar as gracias a Alba, Alfredo, Carmen, Inma, Juan, Luis, Manuel, Merce, Mercedes, Pablo e Rosa pola súa implicación neste proxecto e polo gran traballo que están realizando.

Subliñar que todas estas persoas forman un magnífico grupo de mediadoras e mediadores veciñais, e serán quenes formen parte da primeira equipa voluntaria-profesionalizada do programa.