9.2.10

Quique Tello, Margarida Vázquez e Xan Caxigal visitarán Novomesoiro mañá ás 11:00


Mañá mércores, ás 11:00 horas, o Primeiro Tenente de Alcalde, Quique Tello, a Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez, e o Concelleiro de Deportes, Xan M. Caxigal, visitarán as diferentes obras impulsadas desde os departamentos de Participación e Deportes con cargo aos fondos FEIL do pasado ano. En concreto, trátase do Centro Cívico e Social de Mesoiro, do que xa vos adiantamos unha foto ao comezo desta entrada, e o Polideportivo impulsado pola Concellaría de Deportes. Dúas obras, efectivamente, reclamadas e consensuadas coas veciñas e veciños deste xoven barrio coruñés.

A visita iniciarase ás 11:00 horas no Centro Cívico e Social, xa rematado e en período de preparación e inicio de actividades, para logo dirixirse ao Polideportivo que se ubica na mesma Avenida dos Ancares.







Desde logo, dúas novas infraestruturas que colmarán os desexos das veciñas e veciños do barrio....e especialmente dos máis novos.

Que os desfrutedes.

3.2.10

Comezan os obradoiros nos Centros Cívicos para a difusión do Banco de Tempo



A concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, que dirixa Margarida Vázquez Veras, comeza en diferentes Centros Cívicos da rede municipal coruñesa unha campaña de difusión do Banco de Tempo da cidade da Coruña, ao tempo que de captación de posibles usuarios e usuarias.

Durante estas charlas, de importante compoñente práctico, as persoas interesadas poderán coñecer en profundidade en qué consiste este servizo, incluído dentro do programa "Concilia os teus tempos" -no que se inclúe o Servizo de atención á infancia- que está a desenvolver a Concellaría, así como as modalidades de prestación e as casuísticas que se contemplan.

O calendario xa acordado, pendente de pechar en varios dos Centros Cívicos, é o seguinte:


Centro Cívico Municipal del Castrillón
09/02/2010
18:00 h.

Centro Cívico Municipal dos Mallos
18/02/2010
19:00 h

Centro Cívico Municipal de Rosales
22/02/2010
18:00 h.

Centro Cívico Municipal de Monte Alto
23/02/2010
17:30 h.

Centro Cívico Municipal de Monelos
24/02/2010
18:00 h.

Centro Cívico Municipal de Artesáns
25/02/2010
19:00 h.

Centro Cívico Municipal de Elviña
01/03/2010
17:00 h.

Centro de Orientación Familiar
16/03/2010
10:00 h.

Centro Cívico Municipal San Diego
17/03/2010
18:00 h.

Falta, entón, por confirmar Labañou, Palavea e o que poida ir xurdindo, segundo a demanda.

Para máis información, non dubidedes en chamar ao 981 184 356 (CIM-Centro Municipal da Muller)

1.2.10

Exposición "Mulleres, espello de culturas"


O próximo mércores, 3 de febreiro, inaugúrase no Quiosco Alfonso da Coruña, contra as 13:00 horas, a interesantísima exposición "Mulleres, espello de culturas", organizada polo Concello da Coruña e a Fundación "La Caixa", unha mostra etnográfica sobre o universo feminino a través de 135 obxectos de todo o mundo. Esta inauguración correrá a cargo de Margarida Vázquez, concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, e María Xosé Bravo, concelleira de Cultura.


Esta exposición traza un percorrido a través dunha selección de atractivas pezas -cedidas polo Museo Etnolóxico de Múnic- que adquiren nova vida como testemuños das mulleres que un día foron as súas usuarias. Cada unha das 135 pezas que compoñen a mostra -desde fotografías e esculturas até obxectos diversos, como vestidos ou xoias- é un fragmento de vida, aparentemente exótico e afastado, pero que permite abordar temas universais e compartidos por todas as mulleres do mundo.


A colección procede de sete culturas de África, Asia e América amazónica e setentrional, e permítenos, ao mesmo tempo, coñecer outras culturas e reflexionar sobre a nosa propia realidade familiar, social e espiritual. A mostra, organizada pola Obra Social "La Caixa" coa colaboración do Museo Etnolóxico de Múnic, e que despois do seu paso por CaixaForum Lleida se presenta na Coruña, divídese en tres ámbitos, cada un dos cales recolle varios temas comúns ás mulleres de todos os tempos e espazos, como a familia, o papel da muller na sociedade e a divindade feminina.


No mundo hai infinitos modelos de familia mais, en case todos, a muller tivo un papel primordial como nai, esposa, depositaria da tradición ou responsable da economía doméstica. Así, a exposición exemplifica o rol feminino, en diferentes xeografías e épocas, en relación coa maternidade, o matrimonio ou a división do traballo.


Mulleres, espello de culturas tamén se detén nas consecuencias sociais do feito de ser muller en distintas sociedades, con temas universais como a identidade da muller dentro do grupo, a súa capacidade de decidir sobre o seu propio destino ou a idealización da beleza feminina.

19.1.10

Algunhas fotos da nosa visita ao Centro Cívico e Social de Mesoiro

Aquí vos deixamos un simple avance do que será o novo Centro Cívico e Social de Mesoiro. Un lugar pensado para compartir e que será, de certo, un orgullo para todas e todos os veciños da zona. En especial, os veciños de NOVOMESOIRO.
En próximos días avanzaremos novidades en canto programación do Centro, actividades da Ludoteca -integrada dentro do Servizo de Atención á Infancia do Concello da Coruña- e moitísimo máis.
A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá está a facer unha recollida de propostas entre os veciños e veciñas de cara a formalizar unha programación ao gusto dos seus usuarios potenciais.
Vista da entrada principal ao Centro. A estética colorista e o impacto que produce a sobrealtura do módulo central, onde se ubica a recepción e o salón de actos, dan a benvida aos usuarios. Á esquerda, adivíñase parte da Ludoteca. Á dereita, a Sala de Lectura. As dúas, con luz natural garantida.
Lateral norte do edificio. A esta parte dan os aseos, os vestiarios, o almacén e, ao fondo -por onde se divisa a entrada- a Sala Dobre de Usos Múltiples e a Sala de Lectura.
Módulo exterior esquerdo, segundo se mira de frente, do edificio. É o lugar que ocupa a impresionante Ludoteca. Ésta conta con entrada desde o propio centro e exterior. Á súa vez, aseos adaptados e despacho para atender aos pais e nais destes pequenos usuarios.
Entrada independente e exterior da Ludoteca, que xa vos comentamos na foto anterior. Posibilita programar actividades exclusivas neste espazo, sen afectar ao conxunto do Centro. Tamén permite saír para desfrutar do Patio descuberto que actúa como Hall aberto...por se sae o sol.
Verxa exterior e módulo correspondente á Sala de Lectura.
Segundo entramos, o Salón de Actos recibe, magnífico, ao visitante. Faltan, evidentemente, as cadeiras. Tamén contará cun panel pregable que permitirá pechalo ou abrilo a convenencia.
Vista do Salón de Actos desde o escenario.
Chamaronnos moitísimo a atención estes elementos dos aseos masculinos. Con tapa e todo.....
Esta é a Sala Dobre de Usos Múltiples. Aínda que non se pode apreciar ben na foto, disporá dun panel corredeiro que pode dividir o espazo en dúas partes iguais ou abrilo totalmente, como está agora.
En fin, que estamos desexando comezar a traballar!!!!!! Nos próximos días, incluiremos máis fotos e novas relativas ao seu funcionamento.

7.1.10

Convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña

A Concellaria de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña informa da convocatoria de subvencións da Deputación Provincial da Coruña dirixidas a entidades e asociacións veciñais, co obxectivo de mellorar a xestión e organización de actividades das mesmas, así coma o seu equipamento.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 1 de febreiro, e poden optar ás axudas económicas ofertadas todas as asociacións e comunidades veciñais, tanto as legalmente constituídas coma as que non o estean, sempre que carezan de fins de lucro e realicen as actividades ou as obras na provincia da Coruña.
Trátase dunha boa oportunidade para a dinamización das entidades veciñais, o desenvolvemento de novas actividades e cursos, ou a mellora do seu equipamento.
Para máis información ao respecto, achegamos o enlace ao texto completo das bases da convocatoria.